Posición de CIG-Saúde sobre o uso de máscaras para previr a transmisión do Coronavirus
CIG-Saúde quere poñer de manifesto que, a estas alturas da evolución da pandemia de COVID-19, non debería haber dúbidas entre as e os profesionais sobre o uso de máscaras e outros EPIs no ámbito sanitario.
- Coronavirus
- Sanidade Pública
- Saúde laboral
CIG-Saúde defende que é a evidencia científica e o principio de precaución quen debe indicar o seu uso. É responsabilidade da Administración garantir a dispoñibilidade de máscaras e EPIs en función destas indicacións. Para CIG-Saúde xa tiveron tempo dabondo para facelo.
Á vista do acontecido até hoxe, CIG-Saúde entende que:
As e os profesionais, de calquera categoría ou ámbito (do SERGAS ou de servizos externalizados ou privatizados), que traballen nun centro sanitario deben usar MÁSCARA CIRÚRXICA cando precisen achegarse a menos de 2 metros de outros compañeiros de traballo ou de calquera paciente, aínda que non presenten clínica de posible infección respiratoria aguda. A Administración sanitaria ten a responsabilidade de por máscaras cirúrxicas a disposición de todas as traballadoras e traballadores.
CIG-Saúde demanda da Administración sanitaria que garanta a aplicación destas recomendacións mínimas, tanto con protocolos e formación axeitada como garantindo a dispoñibilidade de máscaras e outros EPIs.