Propostas de CIG-Saúde para a Atención Primaria
- Atención primaria
- Sanidade Pública
1.- Defensa e posta en valor do Modelo de Atención Primaria defendido por CIG-Saúde:
• Para a mellora da Atención Primaria son necesarios cambios organizativos profundos coa posta en marcha das Xerencias de Atención Primaria, con orzamento propio.
• Equipos multidisciplinares que permitan desenvolver todas as capacidades das distintas categorías profesionais presentes na Atención Primaria: odontoloxía, hixiene bucodental, farmacia de AP, traballo social, dietista-nutricionista, matronas, etc. con TCAE en todas as quendas e con Fisioterapeutas centrados na súa carteira de servizos e nas derivacións xeradas nos propios centros.
• Incorporación de novas categorías profesionais na Atención Primaria como psicoloxía clínica, terapia ocupacional, etc.
• Unha única categoría de especialistas en medicina familiar e comunitaria con dobre prestación, en atención ordinaria ou en PACs.
• Puntos de Atención Continuada con persoal especifico, resolutivos e cos medios diagnósticos necesarios.
• Presenza de pediatría nos centros de saúde.
• Incorporación progresiva de enfermeiras especialistas.
• Cambio dos obxectivos da acción asistencial, incorporando, de xeito estrutural, iniciativas de acción comunitaria de promoción da saúde e prevención da enfermidade, avanzando na autoxestión dos centros co soporte e apoio das xerencias.
• Áreas administrativas dotadas do persoal necesario e da estrutura que garanta a accesibilidade, a confidencialidade e a seguridade.
2.- Definición das ratios de profesionais necesarias, de todas as categorías, para aplicar as carteiras de servizo desenvolvidas no Consello Técnico.
• No caso da medicina familiar e comunitaria deben garantir unhas axendas con 30 pacientes como máximo, por xornada de traballo.
• O exceso de demanda nun Servizo de Atención Primaria, de existir, debe ser xestionado con contratación de persoal das listas de contratación ou conprolongación de xornada, de non existir persoal nas listas. De manterse no tempo, suporá a ampliación do cadro de persoal.
• As ratios entre profesionais da medicina de familia e da enfermería serán de 1:1 como norma xeral, incrementaranse as prazas de enfermería na medida que as características da poboación atendida e os programas que se desenvolvan o reclamen. Estas ratios 1:1 serán aplicables tamén aos Puntos de Atención continuada. Os centros deberán remodelar a súa arquitectura para permitir estas adaptacións do cadro de persoal.
• O persoal de xestión e servizos debe ver incrementado substancialmente o seu cadro de persoal. Os centros deben ser reformados arquitectonicamente, para garantir á poboación a accesibilidade e privacidade e poder realizar as xestións internas necesarias.
3.- Plan de Ordenación de Recursos Humanos:
• Ratios entre profesionais da medicina de familia e da enfermería serán, como mínimo, de 1:1.
• Análise da situación, en cada Servizo/Unidade de Atención Primaria, (as medias por distritos/áreas non son representativas) para coñecer o número de profesionais, de cada categoría, que é necesario para acadar as ratios necesarias para aplicar as carteiras de servizo desenvolvidas no Consello Técnico.
• A falta de profesionais de algunha categoría (medicina familiar e comunitaria, pediatría) ou as dificultades para a contratación de outras (enfermería, matronas) non pode ser utilizado de desculpa para non coñecer cales son as necesidades reais de profesionais para dar resposta desde a Atención Primaria ás necesidades da poboación.
• Establecer un cronograma de ofertas públicas de emprego que permita a creación e estabilización das prazas necesarias.
• Actualizar o modelo retributivo de todas as categorías de Atención Primaria, incorporando o pago por TIS modulado por idade e complexidade, garantindo que non haxa perda retributiva con respecto ao modelo actual.
• Establecer un valor do complemento especifico superior ao actual para as prazas en quenda fixa de tarde ou en quenda deslizante.
• Incorporar un valor hora de atención continuada en Atención Primaria diferenciado por xornada nocturna e de domingos e festivos.