Publicación da baremación definitiva do concurso oposición de licenciados/as sanitarios/as

  • Oposicións
  • Sanidade Pública

Publicouse no DOG a RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan os procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, convocados mediante as resolucións do 14 de decembro de 2022, relativos á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos/das aspirantes seleccionados/as.

Categorías de facultativo/a especialista de área nas especialidades de:

  • Alergoloxía,
  • Anatomía Patolóxica,
  • Anestesioloxía e Reanimación,
  • Anxioloxía e Cirurxía Vascular,
  • Aparello Dixestivo,
  • Cardioloxía,
  • Cirurxía Cardiovascular,
  • Cirurxía Oral e Maxilofacial,
  • Cirurxía Pediátrica,
  • Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora,
  • Cirurxía Torácica,
  • Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo,
  • Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía,
  • Endocrinoloxía e Nutrición,
  • Hematoloxía e Hemoterapia,
  • Medicina Física e Rehabilitación,
  • Medicina Intensiva,
  • Medicina Interna,
  • Medicina Preventiva e Saúde Pública,
  • Microbioloxía e Parasitoloxía,
  • Nefroloxía,
  • Neurocirurxía,
  • Neuroloxía,
  • Oftalmoloxía,
  • Oncoloxía Médica,
  • Otorrinolaringoloxía,
  • Pediatría e as súas áreas específicas,
  • Pneumoloxía,
  • Psicoloxía Clínica,
  • Psiquiatría,
  • Radiodiagnóstico,
  • Reumatoloxía,
  • Uroloxía,
  • Xeriatría

Categorías de:

  • médico/a asistencial do 061
  • médico/a coordinador do 061

Os/as aspirantes seleccionados/as que se relacionan no anexo desta resolución dispoñerán do prazo dun mes (do 31 de decembro de 2024 ao 30 de xaneiro de 2025), contado desde o día seguinte ao da súa publicación, para presentar a seguinte documentación:

a) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ter sido separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores á convocatoria.

b) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o/a imposibilite para o exercicio das funcións propias da correspondente categoría.

c) Por exixencia do artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou, na súa falta, autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación.

Esta autorización deberá prestarse no modelo que para o efecto consta na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na epígrafe relativa a emprego público ((www.sergas.gal/recursos-Humanos/OPE-Oferta-Pública-de-Emprego).

d) Declaración xurada ou promesa de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría a que opta.

e) Os/as aspirantes seleccionados/as que accederon pola quenda de persoas con discapacidade deberán presentar neste prazo, ademais da documentación anterior, orixinal ou certificación compulsada acreditativa do mantemento dos requisitos para acceder pola correspondente quenda, de non ter carácter definitivo a resolución pola que se lle recoñeceu a discapacidade, que foi presentada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

A documentación requirida nesta resolución deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dirixirse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

No caso de ser preciso convocar ás seguintes persoas aspirantes por decaer do proceso as primeiras persoas seleccionadas, unha vez finalizado o prazo de presentación de documentación, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es)/OPE 2022-Lei de estabilización-concurso oposición, unha dilixencia pola que se convoquen os/as seguintes aspirantes na orde de prelación de cada categoría, abrindo un novo prazo para que presenten a documentación requirida.

Volver