Que a Saúde Mental de todxs sexa unha prioridade mundial
Comunicado do MGSM no Día mundial da saúde mental 2022
- Sanidade Pública
Que a saúde mental de todxs sexa unha prioridade mundial. É o lema elixido pola Organización Mundial da Saúde para este ano 2022. Esta institución leva anos advertindo da grave situación en saúde mental a nivel global. Particularmente incisivos durante o período de crise económica iniciado no 2008, onde advertían sobre a urxencia
de potenciar políticas sociais e sanitarias que mitigaran os peores efectos da crise.
Daquela, en Galicia optouse por un modelo de saída da crise baseado nos recortes e desigualdade social, deixando caer a tantas persoas en situación de vulnerabilidade. A nivel de atención á saúde mental, nada se fixo, cando existe unha relación confirmada entre condicións de vida precarias e mala saúde mental.
As tornas parecen cambiar coa pandemia covid-19. É posible que nunca antes se falara tanto e tan abertamente sobre as dificultades emocionais, o malestar psicolóxico e o sufrimento mental como nestes case tres últimos anos.
Existe unha maior sensibilización sobre cuestións de saúde mental, atraendo a atención sobre unha realidade que de sempre foi incómoda, tabú e orixe de actitudes e conductas de discriminación e exclusión. A sensibilización ten o valor de dar luz sobre realidades longamente ocultadas.
É un paso necesario, pero non suficiente, para a seguinte acción no camiño de erradicar o estigma e a discriminación: a concienciación.
Tomar conciencia implica coñecer que a saúde mental está multideterminada e se conecta intimamente con determinantes individuais, sociais e estruturais que dan orixe, agravan ou perpetúan a mala saúde mental de individuos e sociedades.
Tomar conciencia ten o poder de rachar con tantos mitos arredor da enfermidade mental (que enlazan coa culpa, debilidade persoal, maldade ou agresividade) que leva a negar a posibilidade en nós mesmos do malestar mental. Pola contra, supón falar de saúde mental e pobreza, precariedade, violencias, estereotipos de xénero, discriminacións, mala saúde física, carencias materiais ou afectivas ou exclusión social.
A concienciación crea as bases do compromiso activo na defensa dos servizos públicos e o respecto aos dereitos humanos, que contribúa a reverter as políticas que non priorizan o benestar colectivo e a solidariedade como modo de superar as desigualdades. Un dos factores de risco de mala saúde física e mental é o entorpecemento da accesibilidade e a equidade na atención sociosanitaria. Outro dos factores de risco máis salientables é a vulneración de dereitos.
Desde a sensibilidade, concienciación e o compromiso por unha saúde mental para todxs, facemos un chamamento, no Día Mundial da Saúde Mental, a esixir ao goberno de Galicia que:
-. Active, con carácter urxente e efectivo, as medidas tendentes á eliminación de toda forma de coerción nos servizos de saúde mental, seguindo as directrices da Resolución 2291 (2019) da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.
-. Reforce a sanidade pública, coa provisión dos recursos necesarios, para reducir unhas listas de espera actualmente insoportables (máis de 10.000 persoas esperando unha primeira consulta), e que son un factor claro de desigualdade no acceso á atención pública para as persoas con menos recursos económicos, con esperas de meses.
-. Potencie os recursos públicos a nivel residencial e comunitario fronte á externalización de servizos.
-. Respecte os dereitos laborais do persoal dos servizos públicos, verdadeiro eixe do sistema xunto cxs usuarixs do mesmo. Coidar o factor humano é esencial para manter os servizos públicos, por riba da tecnoloxía e a dixitalización.
-. Transparencia e rendemento de contas, a través de memorias e informes regulares, do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, e o Plan Galego de Prevención do Suicidio.
A OMS sinala como fundamental para o cambio en saúde mental que os sistemas e servizos de saúde mental funcionen ben. Resalta a necesidade de tres tipos de compromiso político: expreso, institucional e orzamentario. O goberno da Xunta de Galicia debe abandonar as políticas publicitarias ás que nos ten acostumados, chegando a anunciar de xeito repetido as mesmas informacións sobre plans, protocolos ou supostas novas unidades asistenciais. Isto provoca desafección e desimplicación na cidadanía, nun momento especialmente difícil onde se precisa dun liderado consistente e coherente.
MGSM, outubro de 2022
http://movementogalegosaudemental.gal/
https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental
https://twitter.com/MGSaudeMental