Reivindicacións de CIG-Saúde para os orzamentos 2020
CIG-Saúde vén de remitir a todos os grupos políticos do Parlamento galego as súas reivindicacións para os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2020.
- Orzamentos
- Sanidade Pública
Á/A dos grupos políticos do parlamento.
Desde a CIG-SAÚDE dirixímonos a Vdes. para trasladarlles as nosas inquedanzas sobre os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2020. E solicitar que as nosas propostas sexan recollidas nas emendas que a súa organización presente ao texto dos orzamentos. Quedamos á súa disposición para poder ampliar a información sobre os temas que presentamos.
Atención primaria:
.- Solicitamos a recuperación da estrutura directiva de atención primaria, unha xerencia de atención primaria que dea resposta ás demandas asistenciais deste nivel de asistencia.
.- A dotación dun orzamento específico para atención primaria.
.- Incorporación da categoría de Psicólogas/os Clínicos, Terapeutas ocupacionais, Logopedias e Podólogos neste nivel de asistencia.
Cadro de persoal.
.- A incorporación dun sistema identificativo de prazas, que permita coñecer, con exactitude e por EOXIs, o cadro de persoal do SERGAS: persoal fixo, interino, persoal eventual, prazas vacantes, prazas amortizadas...
Retribucións do Persoal Estatutario.
.- Os orzamentos do ano 2020 teñen que permitir a recuperación dos acordos do persoal estatutario do SERGAS suspendidas desde o ano 2009.
A suspensión destes acordos colocan ao persoal do SERGAS á cola das retribucións do persoal da Xunta de Galiza, equiparando as nosas retribucións co persoal da Administración autonómica que traballa en quenda de maña e en horario de luns a venres, e sen ter en conta a nosa prestación os 365 días do ano, as 24 hs do día.
Creación da Categoría de:
.- Persoal facultativo de HADO.
.- Persoal investigador estatutario. Este persoal leva pendente da creación da súa categoría desde o ano 2007.
Creación da Subdirección xeral de Enfermaría na estrutura da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.
A xestión excelente ha de promover estratexias para o exercicio profesional desde a calidade técnica, científica e humana. Todo isto e outros aspectos relacionados coa profesión enfermeira é o que se denomina “Xestión Enfermeira” que é a aplicación da xestión aos coidados e á organización dos mesmos, xestionados desde diversos ámbitos e niveis, en áreas de maior amplitude, como a que se debería levar a cabo nos postos de direccións do Servizo Galego de Saúde.
Por todo isto, desde a CIG-SAÚDE propoñemos un cambio na estrutura directiva da Dirección Xeral de Asistencia sanitaria. Solicitamos que se cree a Subdirección Xeral de Enfermaría.
Eliminación da taxa de reposición e plano de emprego.
A taxa de reposición creada no ano 2010 e vixente na actualidade, está a consolidar a precariedade laboral no SERGAS, mais de 5.000 prazas estruturais cubertas con persoal eventual.
Solicitamos a desaparición da taxa de reposición e a negociación dun plano de emprego que posibilite a recuperación dos postos de traballo e remate coa precariedade laboral.
Carreira profesional.
Nos orzamentos do ano 2020 incluirase o acceso, ao grao I retribuído, do persoal interino e do persoal fixo con posterioridade ao 1 de xullo de 2018.
Compostela, 28 de outubro de 2019.
Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.
Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE