Resiliencia: Felicidade en tempos difíciles
- Sanidade Pública
Esta é a receita do SERGAS para o seu persoal; invitan ao persoal a ser feliz e a esquecer as penosas condicións laborais e retributivas que soportan todos os días.
Desde CIG-SAÚDE agradecemos que o SERGAS estea preocupado pola nosa felicidade, máis queremos lembrarlles que todas/os seríamos máis felices se o SERGAS realizase unha mellor xestión dos recursos humanos, se aplicara outra política de persoal e se nos devolveran os salarios roubados desde o ano 2010.
Desde CIG-SAÚDE levamos 2 anos denunciando que o que fixo o COVID foi por de manifesto que o persoal do SERGAS é insuficiente. Uns recortes que pasan factura á poboación e as/os traballadoras/es, que xa non soportan seguir con esta carga de traballo.
Agora temos outra onda, unha onda que coincide con outras patoloxías que hai que atender, conxuntamente cun maior número de ingresos hospitalarios, e unha maior demanda de asistencia na atención primaria.
A consecuencia que isto está a ter no persoal é, que se suspenden os permisos e vacacións do persoal; para esta suspensión de dereitos non se necesita o aval de ningún tribunal.
Desde CIG-SAÚDE denunciamos que a resposta do SERGAS sexa sempre a mesma: “non hai persoal, non se conceden os permisos”.
Pero para CIG-SAÚDE o mais grave é, que o persoal nos transmite que as solicitudes dos permisos realizadas a través do FIDES desaparecen, e polo tanto, o que non consta non existe.
Fronte esta situación desde CIG-SAÚDE ESIXIMOS unha convocatoria urxente da mesa sectorial para abordar este tema:
Que se nos faga entrega dun informe, disgregado por xerencias e categorías profesionais, dos días libres, das vacacións e dos cómputos de xornada que o persoal ten pendente de desfrutar.
Que se nos comuniquen as medidas de xestión que o SERGAS vai implementar para minimizar esta situación, e que solucións ten de futuro.
Que o FIDES sexa o rexistro oficial de persoal para a solicitude dos permisos e vacacións. Que a manipulación do FIDES sexa penalizado.
Que as débedas de días que ten o SERGAS co persoal non caduquen até que a administración sexa capaz de pagar todas as débedas.
Que se permita a autocobertura, é dicir, que se concedan os días de permiso e que a súa cobertura poida realizarse con persoal que realice xornada complementaria.
Que se negocien as retribucións da xornada complementaria que realiza o persoal, incluída a retribución da atención continuada: traballo en noites, traballo en domingo e festivos e a quenda rotatoria.
Os fondos COVID que recibiu o goberno (DIÑEIRO ADICIONAL) teñen que ser destinados a quen resolve esta situación.