Respaldo maioritario da veciñanza de Mesía na concentración pola defensa dos servizos médicos do concello
- Santiago
No día de onte, Xoves 20 de Xullo, e diante do centro de Saúde de Xanceda en Mesía, tivo lugar unha concentración en defensa dos servizos médicos deste concello, ante a falta de cobertura por mor da xubilación do titular, da praza de Medicina de familia no consultorio de Visantoña con aproximadamente 900 usuarios/as de cupo.
Así, prodúcese, un baleiro asistencial, que no mellor dos casos, solvéntase, coa presenza, dun profesional distinto cada día. Este profesional pode ser desprazado doutro centro de saúde, ou ao remate da súa xornada laboral no PAC, a fin de cubrir esa ausencia, pero lonxe de garantir unha continuidade nos coidados e un seguimento dos usuarios/as e as súas patoloxías.
Neste concello, sumado á perda dos servizos de Pediatría, por mor da pandemia, e de matrona, os/as usuarios/as dependen dos desprazamentos ao concello de Ordes, para a atención sanitaria nestas especialidades. Isto orixina que en moitas ocasións, e ante a saturación dos servizos citados, as mulleres ou as nenas, teñan que acudir á sanidade privada para a atención que se debería ter prestado na sanidade pública.
Gravoso é o tema do servizo de Pediatría en Ordes, totalmente desbordado pese ao esforzo dos/as profesionais. Dicimos aínda máis gravoso, xa que, para a poboación dos concellos limítrofes, cando teñen que desprazarse para acudir ao pediatra ata Ordes, moitas veces, é debido á saturación, se teñen que ir de volta sen completar toda a atención, volver a solicitar outra nova cita coa enfermeira, desta volta no concello de Mesía, por exemplo, a fin de vacinar a un neno/a.
Neste concello, evidénciase o estado da sanidade pública no rural deste país. Non é un caso illado, xa que sobran exemplos, onde xa se converteu en norma o que debería ser unha excepción. Que é a falta de carteira de servizos que se lle ten que ofertar á cidadanía e a reposición de profesionais a fin de garantir unha sanidade pública de calidade e acorde aos tempos que vivimos.
A escusa de que non hai profesionais nas listas de contratación, é unha falacia, xa que incluso nas categorías nas que non hai déficit de aspirantes nas listas de contratación, nomeadamente os PSXs neste caso, non son reforzados os centros a fin de garantir a prestación dos servizos que se pretende que dean: CRM100, XIDE, Xestión Ambulancias...