Retirada dos obxectivos CRM 100 e XIDE
- Atención primaria
- Sanidade Pública
As/os PSX sabemos que o noso réxime retributivo é distinto ao das compañeiras dos colectivos sanitarios, sabemos que non cobramos polo cumprimento de obxectivos. Deixémolo estar porque non é este o debate, neste momento.
Pero, de non ter o noso traballo un recoñecemento salarial, cando menos cabería esperar do SERGAS algún outro tipo de recoñecemento profesional.
Recoñecemento do sobreesforzo diario na atención ao doente, na organización asistencial dos centros, na xestión de recursos humanos, na loxística dos centros, no seu mantemento…
Cabería esperar este recoñecemento, cabería esperar que dada a crítica situación sanitaria pola falta de profesionais, cando menos, se coidaran as áreas administrativas e se reforzaran coa contratación de profesionais cualificados e dispoñibles da lista de contratación.
Pero xa fai tempo que sabemos que é inutil esperar.
O que non esperabamos é unha burla, non esperabamos a falta de respecto que supón que o sobreesforzo iñorado das áreas administrativas, que o noso traballo na implantación de XIDE e sobre todo CRM100 se incorporase aos obxectivos doutras categorías profesionais.
Estamos seguras/os que este sentimento de ofensa, de menosprecio a unha profesión é compartido polas compañeiras doutras profesións dos nosos centros e comparten a nosa petición de retirar de xeito inmediato dos ADX para o ano 2022 deste concepto.