Ribera Salud acapara o reparto das listas de espera do SERGAS
- Vigo
O Grupo Ribera Salud, propiedade da empresa americana Centene Corporation, colle máis forza na Área Sanitaria de Vigo ao facerse coa metade do concurso de lista de espera dos hospitais públicos da nosa área sanitaria.
O SERGAS adxudica o concurso da lista de espera cirúrxica e de exploracións complementarias e abre a porta a remitir á sanidade privada tamén consultas médicas e urxencias. O concurso está previsto para dous anos por un importe de 16,5 millóns de euros.
O modelo de concurso está deseñado para favorecer os intereses da multinacional máis forte, que se financia nun 80% co concerto capitativo actual coa Consellería de Sanidade.
Deste xeito Ribera Povisa compite con outros hospitais privados, como Vithas Fátima en Vigo ou Quirón en Pontevedra, co 80% dos gastos de persoal e de funcionamento xa pagados con cartos públicos, beneficiándose dobremente dos seus contratos coa administración do Partido Popular, trasladando de Valencia a Vigo o seu negocio, consistente en parasitar á sanidade pública, incluso a costa de exercer competencia desleal con outros hospitais privados.
Desde CIG-Saúde da comarca de Vigo denunciamos que os 16,5 millóns de euros terían que ir dirixidos a reforzar as infraestruturas e os cadros de persoal dos centros públicos para que puideran facer fronte á xestión das listas de espera e adaptaran a súa actividade ás necesidades reais da cidadanía.
No canto disto óptase por reforzar o papel do grupo Ribera Salud, facendo depender aínda máis a nosa asistencia sanitaria deste grupo privado que ten que renegociar no próximo ano o seu concerto capitativo polo que atende a 130.000 persoas.
Dar entrada a este grupo no reparto das intervencións, exploracións complementarias e posiblemente consultas, supón reforzalo na negociación do concerto, xa que non teremos capacidade de atender todas esas necesidades sanitarias se Ribera Salud non consegue o que pide polo concerto e decide marchar da nosa Área Sanitaria.
Aquí podes ver a nova en Avantar.