Sanidade deriva doentes á privada mentres mantén suspendida a actividade de tarde nos hospitais públicos
CIG-Saúde esixe reforzar o sistema público e recuperar a atención con xornadas ordinarias de tarde
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde rexeita a decisión da Consellaría de Sanidade de manter suspendida as actividades programadas de tarde nos hospitais públicos para derivar esta atención á sanidade privada. A CIG denuncia a hipocrisía do Goberno de Feixóo que por un lado fai gala de termos a mellor sanidade pública co persoal máis cualificado, e ao tempo desvía os cartos de todas as galegas e galegos para financiar o sector sanitario privado, en mans de grandes multinacionais e fondos voitre.
"Esiximos que se faga actividade na pública, non podemos baleirar de actividade asistencial a sanidade pública tendo os/as profesionais e as instalacións para ofrecer a mellor atención", afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde. Denuncia que en pleno proceso de recuperación da normalidade no SERGAS, o goberno do PP está desviando á privada o diñeiro "que debera investirse en reforzar o sistema público e en recuperar a actividade con xornadas ordinarias de tarde para atender o que non se fixo nestes meses".
Explica que a pasada semana, ás/aos profesionais do SERGAS comunicóuselles que se ían suspender algunhas actividades de tarde nos hospitais para reprogramar as listas de agarda e as actividades que foran suspendidas con motivo da pandemia. Porén, "o que nos están a comentar os compañeiros e compañeiras é que recibiron ordes da Consellaría de non facer actividade programada de tarde para derivar os fondos e estas intervencións á sanidade privada".
Para Abuín esta medida confirma o que a CIG xa denunciou a finais de marzo: que a Consellaría montaba eses hospitais de campaña e non estaba a utilizar a rede de camas dispoñíbeis na sanidade privada (aínda que así llo permitía o decreto do estado de alarma) para preservalos e, unha vez pasada a curva da pandemia, derivar a estes centros cirurxía concertada que foi suspendida pola emerxencia da Covid19.
Diante disto, CIG-Saúde esixe da Consellaría que recupere a actividade ordinaria de tarde nos hospitais para ofrecer unha atención de calidade dende o sistema público e que deixe de subtraer os recursos da sanidade pública para engordar os beneficios das empresas privadas.