Saturación no CHUAC

CIG SAÚDE A CORUÑA DENUNCIA COLAPSO TOTAL NO CHUAC.

  • A Coruña

O pasado mércores a CIG Saúde A Coruña viña de denunciar a situación de colapso que estaba a sufrir o servizo de urxencias do HUAC, na que a atención nos corredores de Urxencias vulnera todos os dereitos á intimidade e dignidade do paciente.

A situación a día de hoxe non mudou, sendo máis de 60 os doentes, que a primeira hora da mañá se atopaban pendentes de cama neste servizo, colapsando novamente os corredores.

Por outra banda no resto do hospital a situación é deplorable, as plantas de hospitalización deseñadas para atender dous doentes por habitación, convértense en habitacións triplas onde os profesionais apenas poden traballar con seguridade e onde doentes e familiares amoréanse nun espazo reducido .

Este sobre aforo nas unidades de hospitalización ven acompañado da falta de recursos humanos. Debido a unha falta de previsión por parte da Administración, que ademais de non poñer reforzos nas categorías nas que hai dispoñibles para a súa contratación, non emprega os recursos que posúe en tempo axeitado vese abocada agora a reconducir a situación cando esta troca en crítica.

Isto repercute directamente nas/os profesionais que realizan as tarefas nas unidades; as/os enfermeiras/os esgotadas/os traballando arreo son solicitadas/os pola Administración para que colaboren facendo horas a maiores en plantas onde o número de doentes supera os ratios de seguridade. As/os TCAEs e celadoras/es destas unidades de hospitalización que posúen listaxes de contratación suficientes tampouco son reforzadas de acordo ó aumento na demanda. O mesmo acontece con todos os profesionais de todas as categorías do complexo que se ven desbordados polo incremento de traballo e fan fronte á situación co mesmo persoal sendo os reforzos na maioría dos casos inexistentes.

Esta é a política de aforro desta Administración e da Consellería onde o usuario padece esta situación insostible e de risco continuo que non fai outra cousa que confirmar a desidia na dotación de recursos na sanidade pública á que os profesionais xa estamos afeitos a sufrir, e que provoca o colapso total no CHUAC.

Volver