Sindicatos da sanidade pública mobilizaranse o 19 de outubro en demanda de solucións para a Atención Primaria
Denuncian a saturación, a precaria situación do persoal e a falta de diálogo co SERGAS
- Atención primaria
- Sanidade Pública
Representantes da CIG-Saúde, CCOO, CSIF, SATSE e UGT compareceron esta mañá, en rolda de prensa, para anunciar a convocatoria dunha mobilización de delegadas/os para o vindeiro martes, día 19 de outubro, ás 11:00 horas, diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para denunciar a grave situación na que se atopa a Atención Primaria e o seu persoal e denunciar o “desprezo da consellaría de Sanidade e o SERGAS”.
Así o denunciou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen lembrou que esta situación vén de lonxe porque xa en 2012 o SERGAS publicara un Plan de Ordenación de Recursos Humanos no que se recollía que a media de idade das e dos profesionais, nomeadamente do persoal facultativo, era de 54 a 56 anos, así como as xubilacións que se ían producir nos seguintes anos.
Abuín denunciou que con esta información, no canto de prever a situación que se daría, o que fixo o SERGAS foi amortizar as prazas, non convocar un número de prazas MIR suficiente para dotar do persoal necesario a Atención Primaria e, mesmo nos anos 2014 e 2015, cubrir menos prazas MIR das que autorizaba o ministerio de Sanidade. Unha decisión con graves consecuencias porque as e os médicos de familia non van só para a Atención Primaria, senón tamén para Urxencias Hospitalarias, 061 ou ADOS.
Xunto a isto lembrou que en 2018, diante da situación xerada pola falta de previsión do SERGAS e despois de reiteradas denuncias e mobilizacións, acabou por convocarse unha folga na atención primaria co obxectivo de visibilizar a situación de saturación e as consecuencias dos recortes do goberno do PP. Recortes entre os que apuntou a falta de persoal, o desmantelamento das Xerencias de Primaria, menos orzamento que os anos anteriores e a ausencia dun orzamento finalista. “Unha situación de precariedade absoluta que impide ás/aos profesionais ofrecer unha asistencia de calidade”.
Situación agravada pola pandemia
María Xosé Abuín denunciou que, lonxe de melloras, a situación aínda se agravou máis nestes case 2 anos de pandemia, “dado que as políticas de persoal e recortes seguen a ser as mesmas”, dixo. Así denunciou “unha política sanitaria carente de planificación e xestionada con titulares de prensa”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde lembrou que, como resultado da folga, o SERGAS pactou no ámbito da mesa sectorial a constitución do Consello Técnico de Primaria no que participan máis de 200 profesionais que, incidiu, “son os verdadeiros expertos”, asumindo ademais o compromiso de deseñar, a partir dos traballos e conclusións deste organismo, o novo plano de atención primaria.
Non vinculante
Fronte a isto, Abuín denunciou que transcorridos máis de dous anos desde a súa constitución non só “seguimos sen ter un documento que recolla as conclusións dos grupos de traballo”, senón tampouco documento algún que recolla o novo modelo de atención primaria elaborado tendo en conta esas conclusións. Isto ademais de que segue sen haber carteiras de servizos que recollan o mapa de competencias de cada categoría profesional. Documentos respecto dos que agora o SERGAS di que “non son vinculantes para a administración”, denunciou.
A isto engadiu que segue sen negociarse o Plan de Ordenación de Recursos Humanos, que identifique as necesidades e poña as solucións no cadro de persoal de primaria. “Necesidades construídas a partir das conclusións do grupo de expertas/os do consello técnico”.
Unha situación da que responsabilizou ao propio SERGAS, porque “está a adoptar medidas que non solucionan os problemas da atención primaria” e porque en lugar de asumir a súa responsabilidade, “segue poñendo o foco nas/os profesionais que traballan neste ámbito asistencial, cando está mais que constatado o fracaso do modelo de primaria que o SERGAS está a impoñer”.
Un modelo de atención primaria baseado “nos mesmos erros que levan cometendo nos últimos 12 anos: recortes, diminución do cadro de persoal, eliminación da xerencia e dos mando intermedios, onde ninguén é responsable e non hai sequera un orzamento finalista”. Por iso concluíu que as políticas de Feixó en materia de sanidade pública limitáronse a procurar “menos persoal, máis precariedade e máis recortes”.
Persoal que, en Atención Primaria, está sen gozar dos días de permiso e licencias aos que teñen dereito e mesmo nalgún caso as vacacións anuais. “Un persoal sobrecargado que non da para máis”, dixo e cuxa sobrecarga empeorará porque estamos a piques de entrar en época de gripe e co Nadal ás portas o que vai volver reproducir a situación de saturación que se deu no verán e que aínda persiste nalgún centro, advertiu.
Petición de xuntanza do Consello Técnico de Primaria
Por todo isto, con data 30 de setembro de 2021, as organizacións sindicais solicitaron a convocatoria dunha reunión do Consello Técnico de Primaria e unha xuntanza monográfica da mesa sectorial para abordar o plano de ordenación de Recursos Humanos. Solicitudes ambas, para as que non recibiron resposta algunha.
Un silencio que responderán con esta primeira mobilización, convocada para o vindeiro martes día 19 de outubro, diante do SERGAS, no decurso da que agardan ser recibidos polo Xerente do SERGAS que preside, ademais, o Consello Técnico de Primaria.
De non obter resposta algunha, as organizacións sindicais reuniranse ese mesmo día, para decidir novas mobilizacións e, tal e como advertiu María Xosé Abuín,“sen descartar ningunha medida de presión”.