SOBRE A HOMOLOGACIÓN DA CATEGORÍA DE PSX

Real Decreto do Catálogo Homoxéneo de Equivalencias das Categorías do Persoal Estatutario

  • Ag Persoal non sanitario
  • Sanidade Pública

Ante a información que publica unha asociación de PSX sobre as propostas que as organizacións sindicais fixeron chegar ao Ministerio de Sanidade, na tramitación do R/D do catálogo de homologacións, desde CIG-SAÚDE queremos manifestar o seguinte:

Con data 15 de outubro do 2013 CIG-SAÚDE fixo chegar ao Ministerio a seguinte alegación:

“ANEXO.
Catálogo homoxéneo de equivalencias das categorías profesionais dos servizos de Saúde C2 Persoal de Servizos Xerais
A categoría de Persoal de Servizos Xerais foi creada polo Decreto160/1996, do 25 de abril, de configuración e introdución no Estatuto de persoal non sanitario das institucións sanitarias da Seguridade Social da categoría de Persoal de Servizos Xerais.
A categoría que se crea está recollida no Decreto 200/1993, do 29 de xuño, de Ordenación da Atención Primaria da Comunidade Autónoma de Galiza, que nos seus artigos 2 e 3 recolle que colectivo é persoal que presta servizos nas unidades e servizos de atención primaria.
Desde CIG-SAÚDE propoñemos que o persoal PSX só se homologue co persoal da mesma categoría, funcións e ámbito de prestación de servizo, que as recollidas no Decreto 160/1996.
Non é de recibo establecer unha homologación a outras categorías con funcións e ámbitos de prestación fora da Atención Primaria.

Como era de agardar, o Ministerio de Sanidade non aceptou a alegación presentada pola CIG-SAÚDE.

Desde CIG-SAÚDE non queremos homologar as categorías de PSX e Auxiliares Administrativos polas consecuencias que isto ten:

  • Se hai unha homologación entre ambas categorías, establécese unha reciprocidade entre elas. Isto quere dicir que, nun concurso de traslados unha PSX podería acceder a unha praza de Auxiliar Administrativo do hospital ou un Auxiliar Administrativo do hospital podería acceder a unha praza de Atención Primaria.
  • Isto provocaría a entrada no hospital dunha categoría polivalente, cousa que sempre rexeitamos. Todxs somos conscientes do que isto significaría, e a repercusión na diminución do persoal doutras categorías como celadorxs.
  • Existe unha demanda real do persoal PXS por entrar nos hospitais a facer funcións polivalentes, incluídas as de celador/a?
  • Ademais disto, nun concurso de traslados as prazas de PSX poderían ser ocupadas por Auxiliares Administrativos do SERGAS e do resto dos Servizos de SAÚDE.

Para a CIG-SAÚDE a categoría de PSX é unha categoría profesional de Atención Primaria, non de hospital. Seguiremos insistindo en que esta categoría teña a súa homologación só no ámbito da Atención primaria.

Volver