SOS Sanidade concéntrase nos centros de saúde para reclamar unha Atención Primaria forte e con recursos
Con motivo da conmemoración do Día internacional do primeiro nivel asistencial da sanidade pública
- Sanidade Pública
Co gallo do Día internacional da Atención Primaria, SOS Sanidade Pública desenvolveu concentracións este luns en numerosas localidades galegas para denunciar os graves problemas de accesibilidade, a falta de recursos orzamentarios, a escaseza de profesionais e o abandono que sofre este nivel asistencial como parte do proceso de desmantelamento e privatización da sanidade pública do Goberno do PP na Xunta de Galiza.
No decurso das protestas destacouse que os sistemas cunha Atención Primaria potente, conseguen aumentar a esperanza de vida, teñen menores taxas de mortalidade, un mellor control das doenzas crónicas e melloran o funcionamento global do resto da rede. Porén en Galiza, a realidade é outra ben distinta: centros de saúde saturados, sen persoal, pechados no medio rural ou que funcionan “a medio gas”.
SOS Sanidade puxo a atención na espera media de consulta, que xa supera os 10 días, ou na existencia de 11.000 crianzas que carecen de pediatra de referencia; mentres o persoal abandona a Atención Primaria a causa da precariedade laboral. O deterioro deste nivel asistencial provoca que se colapsen as urxencias hospitalarias, que se disparen os casos graves, se empeoren os prognósticos de doenzas “e que se multiplique o sufrimento das persoas enfermas”.
Fronte a isto, a plataforma (da que a CIG fai parte activa) exixiu:
1.-Incrementar os recursos da Atención Primaria até o 25% do orzamento sanitario (na actualidade está no 14%), tal e como recomenda a OMS.
2.- Garantir a accesibilidade e a continuidade asistencial con maiores recursos: medicina de familia, pediatría, enfermaría, saúde mental, fisioterapia, traballo social, saúde bucodental, logopedia, máis persoal administrativo, matronas, etc. para dar unha atención integral nos centros de saúde.
3.-Unha política de persoal xusta e incentivadora, con oposicións anuais até completar as prazas vacantes na actualidade.
4.- Combater o abuso da medicalización e a burocracia absurda.
5.- Reorientar a Atención Primaria cara á saúde en lugar de a enfermidade, desenvolvendo estratexias de saúde comunitaria.
6.- Que a atención que se presta dende a Hospitalización a Domicilio (HADO) se faga por criterios sanitarios e non por distancia ao hospital de referencia.
7.-Asegurar a formación e a investigación de calidade en todas as categorías de persoal, dende a Administración.
8.- Incentivar a participación cidadá, coa posta en marcha do Consello de Saúde de Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.
9.- Negociar na Mesa Sectorial de Sanidade os problemas laborais; limitando a 30 pacientes por día de consulta, 1.200 tarxetas sanitarias por cupo; melloras retributivas para rematar coa precariedade e a inestabilidade laboral; a incorporación das categorías profesionais que faltan nos centros de saúde; elaborar un Plan de Saúde Mental, consensuado cos e coas profesionais que se dedican a este campo; sacar oposicións anuais para resolver o problema das prazas vacantes, etc. E xunto a isto, poñer en marcha xa as conclusións do documento elaborado polo Consello Técnico de Atención Primaria, do novo modelo para este nivel.
Novas Relacionadas
Últimas novas