Sr. Conselleiro, cumpra a súa palabra

As Traballadoras e Traballadores das tres Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza, denuncian a paralización das negociacións do primeiro convenio colectivo

  • Institutos investigación
  • Sanidade Pública

Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS), Fundación Profesor Nóvoa Santos (FPNS), Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS).

As Traballadoras e Traballadores das tres Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza, que engloban a grande parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galiza (agrupadas no colectivo PLAGTIS),  denunciamos a paralización das negociacións do primeiro convenio colectivo chamado a regular as nosas condicións laborais.

As negociacións iniciáronse formalmente en maio do ano 2019 e, ano e medio despois, conseguiron pecharse 5 capítulos completos, non sen antes algún intento de veto por quen está a “fiscalizar” estas negociacións. O inicio da pandemia supuxo unha nova paralización e o intento de que as negociacións quedaran adiadas sen data de reinicio, pero conseguíronse retomar con reunións por videoconferencia.

Mais este reinicio do traballo quedou novamente suspendido no verán do 2020 debido ao período vacacional e ao tempo necesario para a constitución do novo goberno galego, tempo xa dabondo para que isto non serva de escusa para retomalas.

Os temas pendentes agora na negociación son cruciais: estabilidade laboral, réxime retributivo e a garantía de que o ámbito de aplicación sexa aberto á totalidade das persoas contratadas a través das fundacións.

● A composición inicial da mesa de negociación viuse alterada posto que o representante dunha das Fundacións era Julio García Comesaña, actualmente Conselleiro de Sanidade, que debe nomear neste momento ao seu substituto/a na mesa negociadora.

Os Comités de Empresa atópanse así pois á espera dunha data de reunión para a reactivación da mesa e para iso xa teñen enviado varias cartas á Consellería de Sanidade. A resposta ten sido favorable, pero non concreta respecto á data de convocatoria da mesa de traballo. Isto motivou unha nova rolda de prensa denunciando esta falta de vontade e os atrancos da administración. Aproveitando a visita do Ministro de Sanidade, Salvador Illa, o pasado 5 de novembro ao H. Álvaro Cunqueiro, unha representación do comité de empresa de Vigo, reuniuse con este e o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, onde o Conselleiro asegurou que nos “próximos dias” teríamos data da seguinte reunión. A día de hoxe, unha vez máis, seguimos agardando.

● Por todo isto, agardando expectantes unha convocatoria que non chega, vémonos na obriga de tomar medidas de presión e denunciar, unha vez máis, esta situación.

● O noso máximo interese é reiniciar con novas forzas e completar o ciclo de negociacións necesario para acadar o mellor Convenio Colectivo posible para o persoal das fundacións de investigación sanitaria o antes posible, de maneira que poida entrar en vixencia a finais deste ano ou principios do 2021.

NEGOCIACIÓN DO CONVENIO XA!!

Volver