Traballadoras/es do CHUS concéntranse contra a precariedade laboral e a falta de persoal

CIG-Saúde de Compostela denuncia que se están a denegar días libres e vacacións

  • Santiago

A CIG-Saúde de Compostela realizou unha concentración este xoves diante do Hospital Clínico para denunciar a falta de persoal e a precariedade laboral, agravada coa chegada do período estival. A non cobertura das ausencias por parte da dirección está a derivar na denegación dos días libres e en mútiples trabas para que as traballadoras e  traballadores poidan gozar dun dereito fundamental como son as vacacións, acolléndose á obrigación de atender ás persoas doentes.

Para a CIG-Saúde esta situación evidencia unha "falta de planificación que teñen que resolver as e os propios profesionais facendo cobertura entre si, sen poder gozar dos descansos obrigatorios por lei, recollidos na normativa vixente" e dificultándose a conciliación familiar "ao ter que estar pendente até o último momento da concesión ou denegación dos permisos regulamentarios".

Denuncian que a dirección “só está a cubrir os días que considera de cobertura imprescindíbel deixando cupos e axendas a cargo do resto de profesionais do centro e facendo autocobertura, que non fai máis que seguir sobrecargando ao persoal e dificultar o acceso ás prestacións e favorecer o aumento da lista de espera”.

"Aforro puro e duro"

Neste senso, advirten que a desculpa de falta de profesionais nas listas de contratación "xa non ten cabida, pois do que estamos a falar é dun aforro puro e duro, xa que habendo persoal dispoñíbel noutras listas non se fai a cobertura axeitada".

A isto hai que engadir as consecuencias do peche de 91 camas anunciado pola Xerencia para este verán, das que 73 corresponden ao Hospital médico cirúrxico de Conxo e 18 ao hospital Clínico. Unha decisión que se adoptou sen trasladarlle á representación legal do persoal a información sobre o peche total ou parcial das instalacións, organización e métodos de traballo.

Este deterioro asistencial, subliñan, vén de lonxe, e evidencia que nunca se cuestionou en profundidade o problema estructural e de cadros de persoal do sistema sanitario, que é especialmente grave en categorías como pediatría, matronas ou medicina de familia.

Volver