Traballadoras/es do Quirónsalud mobilízanse contra a precariedade laboral

Reclaman melloras retributivas e nas condicións de traballo

  • Sanidade Privada

Traballadores e traballadoras do Hospital Quirónsalud continuaron este mércores coas mobilizacións na demanda de melloras laborais e retributivas e para esixir que se remate coa discriminación salarial que a empresa aplica entre as distintas categorías.

O comité explica que as malas condicións de traballo provocan que o persoal marche do hospital Quirónsalud (que pertence ao maior grupo sanitario privado do Estado) na procura de dun entorno laboral digno e que o centro padeza un déficit estrutural de persoal en toda as categorías, con maior afectación na de Enfermería.

Nun intento de reter a estas e estes profesionais, no ano 2019 a dirección puxo en marcha un plan de incentivos fóra de convenio que non resolveu o problema pero si agravou as desigualdades salariais que se veñen dando entre os diferentes colectivos de traballadoras/es.

A empresa incide nas discriminacións

Agora, para tentar salvar o período de vacacións e non ter que adoptar medidas máis drásticas que suporían o peche de servizos, a dirección comunicou un novo plus para o persoal de Enfermería, que abonará dunha única vez a finais de ano. Unha decisión que a presidenta do comité, Laura Méndez (CIG), xa advirte que "non vai resolver os problemas laborais xerados pola precariedade na que a dirección do Quirón quere manter o seu persoal", pero que incide nas desigualdades retributivas e supón un agravio comparativo entre os traballadores e traballadoras.

Diante disto, o comité acordou iniciar mobilizacións para esixir da empresa que dea resposta "ás demandas históricas do persoal relativas á xornada, nocturnidade, festivos, domingos, aumento de ratio de persoal en todos os servizos etc.", e rematar coa progresiva vulneración dos dereitos laborais máis básicos, que se veu agravada co inicio da pandemia da Covid-19.

Lémbralle á empresa que o seu é un sector onde se trata coa saúde das persoas e que a precariedade laboral "acábase traducindo necesariamente en precariedade asistencial, e isto é algo moi grave".

Volver