Unha soa enfermeira, a media xornada, atende o consultorio de Abellá, en Frades

Persoal técnico de prevención xa ten advertido do risco que supón para ela e máis para as e os doentes

  • Santiago

A CIG-Saúde da comarca de Compostela denuncia a precaria situación do consultorio de Abellá, en Frades, onde unha única enfermeira atende as necesidades das e dos doentes da zona. Asegura que nas distintas reunións coa Xerencia ignoraron a situación sen  adoptar medida algunha, sen contratar persoal e mesmo “poñendo en risco a integridade desta persoa e provocando unha grave situación de indefensión ante calquera posible urxencia ou situación de agresividade que se puidera dar no centro de saúde”.

O consultorio sanitario de Abellá pertence ao concello de Frades. A súa dotación é de unha médica de familia e unha enfermeira e non conta sequera con persoal administrativo. “Nunca o houbo, malia a multitude de reclamacións que como CIG fixemos á Xerencia”, explica Francisco Xabier Alvedro.

O problema é que médica de familia é requirida en multitude de ocasións e, por longos períodos de tempo, para cubrir as ausencias do titular do Centro de Saúde de Frades.  “A cuestión é que as ausencias ou permisos da médica de familia non son cubertas, o que provoca que a enfermeira estea soa prestando asistencia”, matiza.

A media xornada

A situación é aínda máis esperpéntica tendo en conta que a enfermeira está a media xornada neste centro e despois é trasladada en taxi ao centro de saúde de Frades. “Iso sempre e cando non chegue alguén a última hora ou teña calquera incidencia que retrase a súa saída”.

Para a CIG-Saúde é especialmente grave ter un centro de saúde aberto só coa presenza dunha enfermeira, xa que pode entrar calquera emerxencia e non pode facerlle fronte. Pero tan grave como iso é que non haxa ninguén que poida asistir á propia traballadora. “En marzo sufriu un accidente estando soa no centro e tivo que requirir o seu traslado a urxencias do hospital clínico”.

A consecuencia desta situación fíxose unha avaliación de riscos na  que os propios técnicos de prevención de riscos “recomendan ao SERGAS que se dote ao centro do persoal necesario para que a traballadora non estea soa e se lle proporcione un móbil de empresa”.

A CIG-Saúde lamenta que esta sexa “a sanidade real que temos nos centros do rural: falta de persoal constante”

Volver