Valoración da Agrupación enfermeira sobre o programa XIDE
- AgEnfermeira
- Atención primaria
- Sanidade Pública
As/os enfermeiras/os non son o filtro da consulta médica.
O XIDE, un novo programa informático creado para orientar a demanda asistencial cara ao profesional que ten que dar unha solución finalista, acaba converténdose nunha nova carga de traballo, que o único que xera é que o paciente sexa derivado a un profesional que non lle pode resolver o problema, retrasando a solución á súa demanda.
CIG-SAÚDE xa denunciou isto no último Consello técnico de Atención Primaria celebrado o 16 de febreiro de 2022.
A implantación do programa XIDE no colectivo enfermeiro realízase sen a participación deste colectivo, sen un desenvolvemento axeitado da carteira de servizos e sen incorporar o persoal necesario para desenvolver o seu mapa de competencias.
E o máis grave, sen ter implantados os protocolos necesarios para o desenvolvemento destas actividades. Estes protocolos deberían ir acompañados do correspondente programa formativo.
O resultado disto é que, a enfermeira/o non desenvolve as súas competencias profesionais, senón que, o que realiza é a triaxe da demanda médica. É dicir, a enfermeira exerce de filtro, que o único que provoca é que as persoas retrasen a súa consulta médica.
Con estes comportamentos o SERGAS o que está a provocar é un enfrontamento entre colectivos; unha mala utilización das competencias das enfermeiras; outorgándolle actividade que non poden resolver en detrimento do seu traballo. Como consecuencia disto, unha asistencia sanitaria desvalorizada.
Desde CIG-SAÚDE esiximos que o SERGAS poña en valor o traballo das enfermeiras en primaria, que potencie o mapa de competencias para que isto se traduza nunha mellora na asistencia. E que deixe de asignarlle un papel secundario ás enfermeiras.
Por todo isto CIG-SAÚDE esixe ao SERGAS que DETEÑA A IMPLANTACIÓN DO XIDE EN TANTO NON SE GARANTA:
• unha dotación axeitada de RRHH
• a confidencialidade e intimidade das pacientes
• o desenvolvemento dos procesos finalistas e protocolos de enfermería.
Implantar o XIDE sen ter resolto o anterior só provoca unha maior frustración profesional.