XIDE = oportunidade perdida
- Atención primaria
- Sanidade Pública
O SERGAS implanta o protocolo de XESTIÓN INTEGRAL DA DEMANDA EN EQUIPO (XIDE) como unha ferramenta que ten por obxectivo regular a accesibilidade da poboación aos Servizos de Atención Primaria a través da consulta a demanda, dirixindo a demanda cara á/ao profesional que poida resolvela, algo que, a priori, puidera parecer un sistema áxil e resolutivo, remata converténdose nun problema mais que nun beneficio.
Para a CIG-SAÚDE, o SERGAS ten que ter en conta que a incorporación de novos protocolos asociados a programas informáticos necesitan persoas para o seu manexo, e que os programas informáticos non van a substituír ás persoas que traballan nas áreas administrativas, senón que incorporan unha nova tarefa que consume tempo de traballo.
CIG-SAÚDE xa denunciou isto no último Consello técnico de Atención Primaria cele-brado o 16 de febreiro de 2022.
Desde CIG-SAÚDE denunciamos que as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal. Nos últimos anos son múltiples as funcións e programas informáticos que asumiu este colectivo, sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e sen incorporación de persoal.
E un aspecto grave: as áreas administrativas, incluídas as dos centros de nova creación, non garanten a privacidade das usuarias.
Ademais, a posta en marcha do XIDE degrada a profesión enfermeira, xa que dirixe unha parte da demanda a esta categoría sen ter desenvolvidos os protocolos que dan soporte aos procesos finalistas. Isto tradúcese en que a enfermería fai unha triaxe da demanda médica e non as actividades propias da súa carteira de servizos.
O SERGAS debe desenvolver os protocolos que dan soporte aos procesos finalistas e medir o incremento na carga de traballo das enfermeiras que ocasiona a aplicación destes protocolos e como consecuencia dotar co persoal necesario os cadros de persoal de enfermería.
Por todo isto CIG-SAÚDE esixe ao SERGAS que DETEÑA A IMPLANTACIÓN DO XIDE EN TANTO NON SE GARANTA:
• unha dotación axeitada de RRHH
• a confidencialidade e intimidade das pacientes
• o desenvolvemento dos procesos finalistas e protocolos de enfermería.