Xubilación aos 60 XA!!
Cando nos podemos xubilar na actualidade co 100% das retribucións?
- No ano 2022, aquelas persoas que teñan 37 anos e 6 meses cotizados ou máis poderán xubilarse aos 65 anos. Se teñen cotizados menos 37 anos e 6 meses terán que xubilarse aos 66 anos e 2 meses.
- No ano 2023, increméntanse os anos esixidos, de tal maneira que exixen 37 anos e 9 meses cotizados para xubilarse aos 65 anos, e no caso de non ter eses anos cotizados, a xubilación será aos 66 anos e 4 meses.
- E así sucesivamente, ata o 2027 que exixirán 38 anos e 6 meses cotizados para a xubilación aos 65 anos, e quen teña menos anos cotizados terá que xubilarse aos 67 anos.
Temos dereito á xubilación anticipada?
A actual lexislación recoñece o dereito á xubilación anticipada aos 63 anos, sempre que:
- teñamos cotizados entre 38 anos e 6 meses e 44 anos e 6 meses,
- e a idade da persoa sexa inferior en 2 anos, como máximo, á idade esixida en cada caso.
Pero esta xubilación anticipada ten unha peaxe, porque aplican porcentaxes de redución da contía da pensión que vai dende un 2,81% por adiantar a xubilación 1 mes, ata un 21% por adiantala 2 anos. O máis lesivo é que chegados os 65 anos, non se recuperan as contías perdidas. Implica que esa pensión reducida se manterá así durante toda a vida.
Que reclamamos con esta campaña de Xubilación aos 60 anos?
Con esta campaña demandamos que nos orzamentos do 2023, aquelas persoas que reúnan os requisitos para a xubilación anticipada, se poidan xubilar aos 63 anos sen pagar ningunha peaxe. É dicir, que manteña o 100% das retribucións.
Pero ademais queremos que durante a lexislatura, o goberno español, recoñeza o dereito á xubilación aos 60 anos ao persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios.
Para isto ten que abrirse a negociación da modificación da Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, para que se rebaixe a idade mínima de xubilación dos 65 aos 60 anos cando se teñan 35 anos cotizados.
A que sectores vai dirixida a campaña?
Esta campaña vai dirixida ao persoal da sanidade, aos sectores sociosanitarios e ao transporte sanitario.
É importante aclarar tamén que esta campaña non é exclusiva da sanidade pública. Abrangue tanto o ámbito público coma o privado.
Máis información:
- 15/07/2022. CIG, ELA, LAB e Intersindical demandan ao Goberno español a xubilación aos 60 anos para o persoal sanitario e sociosanitario
Novas Relacionadas
Actualmente non hai novas