XUBILACIÓN PARCIAL ANTICIPADA: PROMESAS INCUMPRIDAS
- Sanidade Pública
O 13 de xullo de 2006 subscribiuse un Acordo entre o Goberno, CCOO e UGT, e a CEOE e CEPYME, sobre medidas en materia de Seguridade Social.
Como consecuencia deste acordo promulgouse a Lei 40/2007, de 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, onde di:
• Disposición adicional sétima. Aplicación dos mecanismos de xubilación anticipada e parcial no ámbito dos empregados públicos.
• No prazo dun ano, o Goberno presentará un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, así como do persoal das Forzas Armadas e ao servizo da Administración de Xustiza, que aborde a aplicación da normativa reguladora de tales modalidades de xubilación, as condicións en que esta aplicación non xere problemas de sostenibilidade aos sistemas de protección social e a homoxeneización, en termos equiparables, dos diferentes réximes.
• En dito estudo contemplarase a realidade específica dos diferentes colectivos afectados, incluída a do persoal ao que lles é de aplicación a Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, tomando en consideración as singularidades que rodean ao mesmo, desde unha perspectiva acorde coa prioridade e garantías que se sinalan no parágrafo anterior.
No ano 2021 observamos perplexos como os mesmos axentes que pactaron no 2006 subscriben un acordo sobre xubilacións e pensións esquecendo de forma sistemática ao persoal estatutario, poñendo máis trabas a que se regule a xubilación parcial anticipada no noso sector.
CIG-Saúde entendemos que o persoal estatutario ten singularidades que nos diferencian do persoal funcionario:
• Prestación de servizos continua, as 24 horas do días, os 365 días do ano.
• Traballo en contacto coa enfermidade, tomando decisións sobre a vida das persoas, traballo en quendas...; que incrementan os problemas de saúde do persoal.
• Imposibilidade da Administración para a adaptación dos postos das persoas con problemas de saúde.
A xubilación anticipada e parcial permite a incorporación ao mercado laboral dos novos profesionais formándose cos profesionais próximos á xubilación, garantindo a prestación de servizos.
CIG-Saúde dirixímonos aos grupos parlamentarios para que insten ao Goberno do Estado a que leven a cabo as medidas normativas necesarias para garantir o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial.
Xubilación anticipada e parcial para o persoal estatutario, XA!
Basta xa de promesas incumpridas!