Queremos Galego chama a mobilizarse o 17 de maio porque “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva”

No 20º aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística reclama “responsabilidade legal e moral co idioma”
Nacional - 20 Abr 2024

A plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte case 600 entidades, convoca unha manifestación cidadá polas rúas de Compostela, o vindeiro 17 de maio ás 12h, baixo o lema “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva”. Presentaron a marcha esta mañá, recordando que a punto de celebrar o 20º aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística é necesario reclamar accións a favor do galego en todos os ámbitos, “para reverter a situación de emerxencia lingüística”.

O manifesto, lido pola actriz María Vázquez, lembra que o Plan Xeral de Normalización da lingua galega foi elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos e aprobado por unanimidade parlamentar. Conta con 400 accións e medidas concretas que, nestes 20 anos, non só non se desenvolveron, senón que sufriron importantes retrocesos. “Para unha Galiza viva, activa e consciente das súas capacidades”, afirma o manifesto, que se pode asinar en liña, “precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo”.

Plan de Normalización Lingüística

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüítica e voceiro da plataforma Queremos Galego, asegura que “cómpre darlle a volta á regresión que vén sufrindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística nos últimos anos” e “comezar unha nova etapa de avances para o galego”. E recorda que esta necesidade foi sinalada tanto polas entidades sociais como polo Consello de Europa, que pediron á Xunta e ao goberno central que actuase neste sentido.

Algúns exemplos do panorama actual sobre a lingua denunciados por Maceira na presentación das mobilizacións do 17 de maio son “a desaparición do galego nas escolas infantís, as dificuldades para as aulas en galego con EDIXGAL, a ausencia de contidos audiovisuais infantís -incumprindo a ei- en RTVE, o acceso ás webs da administración por defecto en castelán, os servizos que non entenden nin atenden en galego” e “a nova vaga de deturpación da toponimia”. “O resultado de todos estes obstáculos”, advirte Maceira, “é o descenso de falantes”.

É posíbel mudar a situación

O voceiro da plataforma cidadá recorda que “é posíbel mudar a situación”, como xa ven facendo a sociedade galega, revertendo situacións como a intención de empregar topónimos deturpados por parte da Atriga ou a ameaza do Concello de Ferrol de eliminar o galego dos contratos municipais. “As accións necesarias para reverter o descenso no uso do galego están aprobadas desde hai case 20 anos no Plan Xeral de Normalización da lingua Galega”, afirma. E reclama “o compromiso do goberno galego e de todas as forzas políticas na súa aplicación”. “A partir dos obxectivos e medidas para acadalos que fixa o plan”, asegura Maceira, “é posíbel estabelecer uns mínimos que garantan a posibilidade de uso e disposición do galego en todos os ámbitos, que non se limite a ninguén no uso do galego e se garantan os dereitos lingüísticos”.

“O galego defínenos e identifícanos colectivamente, é mostra de autoestima, de orgullo colectivo, de capacidade de desenvolvemento sitúanos no mundo como pobo con vontade de existir nun mundo plural e diverso”, remata Maceira. Por iso, segundo recolle o manifesto que acompañará a manifestación o próximo 17 de maio, “é hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo, Galiza viva”.