Afíliate

A CIG-Saúde é a Federación de Sanidade da CIG e ocúpase de todos os asuntos sindicais que se producen no sector da Sanidade. Como federación integrada na CIG practicamos un sindicalismo nacionalista e de clase, baseado no principio de solidariedade e cunha acción sindical global, na que procuramos non só a defensa da clase traballadora, senón tamén a consecución dun proxecto de emancipación nacional, para que a clase traballadora galega sexa liberada dobremente, como clase e como pobo galego.

Os nosos obxectivos principais, ademais dos comúns para toda a CIG, son os establecidos nos estatutos da CIG-Saúde:

  • A defensa do dereito á protección e promoción da saúde integral das/os galegas/os.
  • A defensa do carácter de servizo público da atención de saúde, e por tanto a consolidación dun sistema sanitario público, universal, gratuíto e de calidade.
  • A loita contra o corporativismo e a integración dos lexítimos intereses particulares dos diferentes colectivos nunha concepción sindical global, de clase, e unha acción común.
  • A organización, o asesoramento e a defensa das condicións laborais, profesionais e sociais das/os traballadoras/es do sector sanitario alí onde CIG-Saúde

Nos tempos que corren é vital afortalar a nosa organización sindical, que ten unha traxectoria histórica de firmeza, coherencia, insubornábel, de confronto co sistema, e constitúe unha alternativa ao sindicalismo español do pacto social e de colaboración co poder.

Faise preciso incrementar a base de afiliación e reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo se queremos avanzar cara a unha saída á crise favorablel para a clase traballadora galega. Sendo máis afiliados e afiliadas na CIG temos máis forza para combater as reformas laborais, os recortes e perdas de dereitos, a destrución de emprego, o empobrecemento dos salarios, o retroceso nas condicións laborais, etc.

Canta máis CIG, canta máis e mellor organización, máis capacidade de organización para loitar, e polo tanto, máis capacidade de camiñar cara a soberanía nacional de Galiza como expresión da consecución dos obxectivos de emancipación da clase obreira galega.

Que significa afiliarse?

Afiliarse é un acto individual no que te sumas a este proxecto colectivo de clara defensa da clase traballadora galega, e, como tal, tamén de defensa e reivindicación da Galiza como nación, e do pobo galego como suxeito do dereito a decidir por si propio, sen inxerencias nin dependencias.

Mais, ao mesmo tempo, é un acto de compromiso e solidariedade. Compromiso, porque no acto, manifestas que as túas inquietudes e pensamento sindical coinciden en gran parte cos postulados e opinións nosas, e solidariedade porque a cota sindical que pagas non é a compra dun servizo senón a contribución desinteresada para o mantemento da organización sindical que nos defende a todos/as como clase e como pobo.

Tamén é un acto no que te comprometes a respaldar as mobilizacións e actos convocados polo sindicato sempre que poidas asumilos. E é, ao fin, un acto no que co teu compromiso acadas tamén o compromiso do colectivo de defenderte como traballadora ou traballador, dentro da defensa común e colectiva como clase.

Que se financia coa túa cota sindical?

  • As campañas de mobilización e concienciación social.
  • A adquisición de edificios e locais do sindicato, así como o seu mantemento.
  • Os servizos de apoio á acción sindical:
  • O departamento de servizos xurídicos, que cobre todo tipo de asesoramento e defensa en casos de despedimentos, reclamación de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego, etc, sendo totalmente gratuíto este servizo a partir de levar cinco anos afiliado/a.
  • Os departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade, que cobren todo tipo de asesoramento en materia de informes para ERES, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas ordes, decretos ou leis, etc. Totalmente gratuíto.
  • O departamento de formación profesional, que a través dun convenio coa fundación FORGA leva anos impartindo cursos de formación, nos nosos propios centros, nos que se formaron miles de traballadores/as, con fondos públicos e sen custo para o alumnado.
  • O Plan de Axuda Alimentaria Solidario da CIG, creado nos últimos tempos coas achegas solidarias da afiliación para dar apoio a todos/as aqueles/as afiliados/as que como consecuencia da crise teñen dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de alimentación. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de axuda á afiliación.
  • A Caixa de Resistencia, de apoio en caso de folga, posibilitando que os/as afiliados/as, que levan máis de tres meses de afiliación á central sindical, poidan cobrar até o equivalente do salario mínimo interprofesional, a partir do cuarto día de folga, este incluído, compensando así unha parte importante do salario perdido como consecuencia da folga. Este mecanismo tenlle servido até hoxe a moitos/as compañeiros/as afiliados/as para aguantaren a folga na súa empresa e permitirlle así gañar o conflito fronte á patronal. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de apoio á afiliación.
  • Outros servizos de asesoramento, como o apoio para a cumprimentación do Imposto da Renda.

Asesoría Xurídica:

A asesoría xurídica esixe para a súa utilización por parte da persoa traballadora unha antigüidade mínima de 6 meses, ou o pago dos mesmos se queres utilizala, nunha medida que ten como fin promocionar a afiliación de conciencia e compromiso colectivo, e non a de interese individual exclusivo.

Ademais, nas demandas nas que a persoa traballadora reclama diñeiro, o sindicato estableceu unhas comisións sobre os cartos reclamados no caso de que a demanda sexa estimada e que diminúe atendendo á antigüidade da persoa afiliada, que no caso de ter máis de 5 anos a comisión é 0%.

Podes descargar aquí a ficha de afiliación, cubrindo os datos correspondentes, e que deberás entregar as/os nosas/os delegadas/os nos centros de traballo.

Preme na imaxe para decargar a ficha de afiliación

Ficha de afiliación