Eleccións sindicais 2023

Nas eleccións sindicais do 11 de maio de 2023

Defendamos os nosos dereitos,

para coidar xuntas a sanidade pública

 

As persoas que nos presentamos nas candidaturas de CIG-Saúde asumimos o compromiso de coidar a sanidade pública xunto con todas e todos vós, defendendo os nosos dereitos con responsabilidade, rigor e transparencia.

Porque o valor máis importante da sanidade pública somos as súas profesionais e, para mellorar o servizo que lle prestamos á cidadanía, é imprescindible mellorar as nosas condicións laborais. Na nosa profesión existe un esgotamento crónico. Non temos tempo para coidar e para coidarnos, para a docencia, para a investigación e, en fin, para avanzar. Isto ten que cambiar.

 

 

Co teu apoio, esixirémoslle ao SERGAS:

1. Reconstruír a Atención Primaria
2. Recompor a Atención Hospitalaria
3. Rematar coa privatización de mantemento, cociña, lavandería e limpeza
4. Consolidar postos de traballo
5. Defender a selección temporal
6. Recuperar o poder adquisitivo perdido
7. Defender a reclasificación profesional
8. Mellorar a xornada, os permisos e as licencias
9. Reforzar a Prevención de Riscos Laborais
10. Mellorar o acceso á xubilación
11. Romper coa discriminación de xénero

E seguiremos defendendo os nosos dereitos e competencias en todas as mesas de negociación tanto do SERGAS, en Galiza, coma do ministerio, en Madrid, como viñemos facendo nos últimos anos.

Reconstruír a Atención Primaria

1. Recuperando as Xerencias de Atención Primaria, con orzamento propio.

2. Dotando as áreas administrativas do nº de PSXs necesarios/as para prestar servizos de calidade e cunha estrutura que garanta a accesibilidade, a confidencialidade e a seguridade do/a paciente.

3. Definindo unha única categoría de medicina de familia con dobre prestación, en atención ordinaria, cun máximo de 30 consultas, ou en PACs, con persoal específico, resolutivo e cos medios diagnósticos necesarios.

4. Dotando do número de profesionais necesarios/as para aplicar as carteiras de servizo de todas as categorías en cada Unidade de Atención Primaria.

- Potenciando o papel da fisioterapia, dos/as matróns/as, dos/as pediatras, da enfermaría... dentro da atención primaria.

5. Incorporando categorías novas como psicoloxía clínica, terapia ocupacional, etc., e sumando progresivamente enfermeiros/as especialistas en todos os centros.

6. Renovando o mobiliario e o material de uso diario para unha atención de calidade e seguridade.

7. E, no medio prazo, cambiando os obxectivos da acción asistencial, incorporando, de xeito estrutural, iniciativas de acción comunitaria de promoción da saúde e prevención da enfermidade, avanzando na autoxestión dos centros co soporte e apoio das xerencias.

Recompor a Atención Hospitalaria

1. Negociando unhas ratios de persoal que permitan traballar con calidade e seguridade en todas as categorías profesionais, adaptadas á complexidade de cada unidade e/ou servizo.

- Con equipos multidisciplinares de enfermaría, TCAEs e celadores/as presentes en todas as unidades de hospitalización.

- Apostando polo desenvolvemento de HADO, os hospitais de día e as unidades de atención temperá en todas as áreas, para mellorar a calidade de vida dos/as pacientes.

- Mellorando as unidades de saúde mental en todos os hospitais, tanto en profesionais coma nas infraestruturas, para que os/as pacientes reciban unha atención digna e de calidade.

2. Potenciando o papel das categorías de técnicos/as de formación profesional nas distintas unidades e/ou servizos, para unha maior profesionalización das mesmas.

3. Consolidando as prazas estruturais cubertas con contratos temporais durante anos.

4. Defendendo a creación de novas prazas cando se implanten novas unidades asistenciais.

5. Promovendo a formación, a investigación e a docencia, dende as xerencias sen sobrecargar o traballo diario, incluídos os hospitais comarcais.

6. Permitindo unha mobilidade interna aberta e permanente, de carácter anual ou bianual.

7. Renovando o mobiliario e o material de uso diario.

8. Mellorando a carteira de servizos dos hospitais comarcais, con cadros de persoal definidos e suficientes.

Rematar coa privatización de mantemento, cociña, lavandería e limpeza

1. Revertendo as subcontratas privadas e apostando por prazas públicas do SERGAS.

2. Promovendo a adecuación dos requisitos de titulación nas categorías de mantemento.

Consolidar postos de traballo

1. Eliminando a taxa de reposición acordada en Madrid polos sindicatos estatais, que impide que a oferta de emprego público inclúa todas as vacantes.

2. Fixando un sistema de identificación de prazas que permita coñecer, con transparencia, os cadros de persoal fixo, interino ou substituto de cada área sanitaria.

3. Estabilizando as prazas estruturais cubertas, desde hai anos, con contratos eventuais.

4. Definindo unha nova orde de vínculos que respecte os dereitos do persoal temporal e impida a fragmentación da contratación.

5. Eliminando os contratos correquendas que, apoiándose en que teñen unha maior duración, impoñen unhas condicións de traballo máis precarias, sen carteleira, sen destino e con disposición total.

6. Planificando as Ofertas Públicas de Emprego necesarias para crear e estabilizar todas as prazas e de todas as categorías.

7. Garantindo un concurso de traslados aberto e permanente, de carácter anual, no que se oferten todas as prazas vacantes de todas as categorías .

Defender a selección temporal

1. Negociando un novo pacto de contratacións para todas as categorías, con medidas que garantan os dereitos aos permisos, á conciliación e ter unhas condicións de traballo dignas.

2. Defendendo o pacto de selección temporal de FEAs do ataque permanente que está a sufrir alterando as normas de xogo de forma unilateral, en favor dos intereses das xefaturas de servizo.

Recuperar o poder adquisitivo perdido

1. Aplicando un incremento salarial anual igual ao IPC real e con efecto retroactivo, que nos permita reverter a perda de poder adquisitivo pola aplicación dos “acordos de perdas” asinados polo goberno e os sindicatos estatais.

2. Recuperando o acordo retributivo 2008-2012, suspendido polo goberno do PPdeG coa desculpa da crise económica.

3. Recuperando as pagas extras, que seguen a ter un recorte no salario base que vai desde o 17% ao 48% en función da categoría profesional.

4. Asegurando o pago da atención continuada en situación de I.T, co mesmo prorrateo que se aplica no mes de vacacións.

5. Garantindo o pago dos días de especial significación a todas e todos os traballadores, tanto da atención hospitalaria coma da atención primaria.

6. Negociando un novo acordo de mellora retributiva das persoas residentes en formación, que estableza un número máximo de gardas e que faga realidade a libranza de garda como dereito.

Defender a reclasificación profesional

1. Desenvolvendo a disposición transitoria terceira do EBEP do 2007, que permite incorporar unha clasificación profesional adaptada as e os profesionais da sanidade pública.

2. Adecuando as retribucións de todas as categorías atendendo á nova clasificación.

3. Negociando unha actualización dos Estatutos de todas as categorías que defina as funcións e competencias profesionais acorde ás novas titulacións.

Mellorar a xornada, os permisos e as licencias

1. Garantindo o dereito á non discriminación do persoal temporal.

2. Recuperando os 3 días de libre disposición roubados durante a crise.

3. Negociando un novo acordo de permisos e licencias adaptado ao persoal sanitario, que presta os seus servizos as 24hs do día, os 365 días do ano.

4. Implantando a xornada laboral de 35 horas semanais, cun modelo adaptado aos acordos existentes e que respecte a redución por noites.

5. Promovendo quendas de traballo que faciliten a conciliación e a concreción horaria.

6. Promovendo a exención de noites e gardas sen perda retributiva en todas as categorías.

Reforzar a Prevención de Riscos Laborais

1. Reforzando as Unidades de Prevención de Riscos Laborais.

2. Avaliando os postos de traballo e garantindo unha adaptación ou adecuación áxil, sen perdas de tempo que afecten á saúde das persoas traballadoras.

3. Unificando os criterios en uso e dispoñibilidade de EPIs e uniformidade, tanto en Atención Primaria como Hospitalaria.

Mellorar o acceso á xubilación

1. Aplicando un coeficiente redutor que nos permita xubilarnos aos 60 anos, igual que noutros sectores, co 100% da prestación.

2. Regulando a xubilación anticipada ata 3 anos antes da idade de xubilación sen coeficientes redutores.

3. Regulando o acceso á xubilación parcial anticipada con contratos de relevo.

Romper coa discriminación de xénero

1. Eliminando as barreiras burocráticas nas adaptacións de posto derivadas do embarazo e a lactación.

2. Atallando a desproporción existente entre a feminización do sector e a preeminencia masculina nos postos de xefatura, así como contra a fenda salarial que esta acarrea.

CANDIDATURAS

                                 

A Coruña e Cee                Santiago e Barbanza                     Ferrol

                                 

Pontevedra                             O Salnés                                   Vigo

                                                   

Lugo                                        A Mariña                         Monforte de Lemos

                               

Ourense e Verín             O Barco de Valdeorras